jueves, 17 de diciembre de 2015

ADVENTO, TEMPO DE ESPERANZA

Nun mundo tan convulso; nun mundo cheo de problemas e de medos; nunha humanidade onde os corazóns xa non son de carne senón de cemento e ferro; nun mundo no que todo nos parece normal; un mundo e nunha humanidade na que parece que non hai horizontes claros, necesitamos unha grande esperanza. Unha persoa sen esperanza é como un peregrino que camiña sen rumbo, cara a  ningures.


Repetindo co Papa Francisco: “O tempo de Advento devólvenos o horizonte da esperanza, unha  esperanza que non decepciona porque está fundada na Palabra de Deus. Unha esperanza que non decepciona, sinxelamente porque . ¡El é fiel! ¡El non decepciona! ¡Pensemos e sintamos esta beleza!”. 

O Advento deixa de ser esperanza en Nadal, pois xa se fai vida e realidade.

martes, 15 de diciembre de 2015

O NOSO NADAL

Ademais de percorrer, durante o Advento, o camiño da misericordia, é unha oportunidade única para preparar o Nacemento de Xesús. Nestes momentos hai moitas propostas perigosas para converter o Nadal nun tempo de descanso, de vacacións ou de ocio, ausente dunha mínima presenza do verdadeiro senso navideño.

Somos un pouquiño máis xenerosos cos desfavorecidos, quizais para tranquilizarnos e, logo, despreocuparnos durante todo o ano no que segue habendo necesitados moi próximos a nós.

No libriño do Evanxeo 2016 que se vos dá na parroquia aparecen as obras de misericordia, cheas sempre de actualidade, pero especialmente no Nadal. En cada acto de amor, de misericordia, de preocupación polos demais, o noso corazón de carne faise un pouco máis belén no que acollemos a Xesús. Calquera expresión (portal, belén, árbore...) debe manifestar a acollida que lle damos a un neno (inmigrante, refuxiado...), a un mozo (que fuxe de tantas escravitudes e pobrezas), a tantas e tantas familias (que non son acollidas nin nos portais dos nosos beléns).

¿Que novidade lle vou engadir neste Nadal, ao noso Nadal?

¡FELIZ NADAL PARA TI E OS TEUS, E FAGÁMOSLLES UN NADAL FELIZ AOS DEMAIS!

lunes, 14 de diciembre de 2015

ADVENTO, CAMIÑO DE MISERICORDIA

Todos sabemos que o Advento é un tempo litúrxico do ano cristián que se desenvolve ao longo de catro semanas. Coma un camiño que, día a día, nos vai acercando á meta, o Nadal de Xesús.

Este camiño sinalado pola misericordia de Deus que, con amor de Pai, nos envía o seu Fillo para que camiñemos con El e El ao noso carón ata chegar á meta do seu Reino en plenitude; é camiño de misericordia porque a tenrura de Deus se converte en amor de Pais cos fillos.

Este camiño é tamén invitación permanente de Xesús que nos acompaña a sermos misericordiosos
cos irmáns e irmás en tantas e tantas oportunidades que se nos presentan ao longo dos días, concretamente no Advento.

Cando o día 8 de decembro se inaugure en Roma o Ano Santo da Misericordia e, aquí en Santiago, o  fagamos o día 13, ás 5 da tarde, ábrese, unha vez máis, para nós, a dobre porta da misericordia: por  unha banda, Deus Pai misericordioso acóllenos co seu perdón e, por outra, ábrese a oportunidade, sempre presente, de facer isto mesmo, como fillos do Pai Deus, exercendo a misericordia con e para con todos os irmáns e irmás.


“Aproveitemos este Ano Santo para abundar en Misericordia”.