Evanxelización




UN PASEO POLA BIBLIA


1 - A BIBLIA


A Biblia católica ten 72 libros. Aquí soamente dicir que os seus cinco primeiros libros, así en conxunto, chámanse Pentateuco (cinco libros), e cada un deles ten o seu nome: Xénese (Xn), Éxodo (Ex), Levítico (Lv), Números (Num),Deuteronomio (Dt)

2 - DIVISIÓN DOS LIBROS

Avanzando un pouquiño sobre a BIBLIA, imos dicir soamente como se dividen os libros. Así, diremos que están divididos en capítulos e versículos. Os capítulos indícanse en números grande ou máis marcados e os versículos en números pequenos ou menos marcados.

Para a citas bíblicas empréganse abreviaturas. Por exemplo: 1 Pe 3,18-22 significa Primeira carta ou epístola de Pedro, capítulo 3,versículos do 18 ata o 22.

3 - A SUA ESTRUTURA

Na Biblia advírtense repeticións, cortes, anacronismos, mesmo contradiccións. Isto é así porque a Biblia foise escribindo durante séculos. Durante xeracións só houbo tradicións orais, que non empezaron a poñerse por escrito ata os tempos da Monarquía (ano 1000 a.C.).

4 - TRADICIÓNS

Seguindo na mesma línea engadimos que no pobo de Israel durante séculos houbo unha tradición oral. A partir da monarquía (a.1000 a.C.) esa tradición comeza a poñerse por escrito. Este traballo levou séculos. Podemos distinguir no Pentateuco (5 primeiros libros) tres correntes de tradición:
Yahvista (J)
Chama a Deus "Yahveh" ou Jeová que é un barbarismo de Yahweh; dá unha visión optimista, un Deus familiar. Tivo a súa orixeno sur (Xudá) no tempo do rei Salomón (s. IX a.C.)
Elohista (E)
Chama a Deus "Elohim". Orixinaria do reino do norte( Israel ) ss. VIII-VII a.C. Presenta un Deus trascendente e resalta as esixencias morais.
Sacerdotal (P)
Reformula as tradicións (s. V a.C.). Céntrase no templo, a lei, o culto. Presenta un Deus grandioso. Compara Gen 2,4b-25 (J) con Gen 1, 1-2,4a (P)

5 - XÉNEROS LITERARIOS

Na Biblia hai distintos xéneros literarios, con cadansúas características. Non podemos pedir rigor histórico a unha poesía ou un mito. Así, atopamos discursos (Jos 23), mitos (Gn 6,1-4), cancións (Ex 15) liturxia (Ex 12, 1-28), códigos legais (Dt 12 - 26) etc. A aplicación correcta do xénero literario nun determinado texto permite comprender pasaxes difíciles e afirmacións contradictorias.

6 - OS PATRIARCAS

Desde a 2ª metade do 2º milenio a.C. grupos de pastores seminómadas saen de Mesopotamia e establécense en Palestina: O clan de Xacob no norte e no sur e os clans de Abrahán e Isaac no sur, todos sempre en torno a lugares sacros tamén chamados santuarios, son lugares onde tiveron unha profunda experiencia relixiosa. Así no norte aséntase o clan de Xacob en torno ós lugares de Penuel e Betel, no sur en torno a Bersheva; o clan de Abrahán no sur: en Mambré, Bersheva, Moriá, e Hebrón.

Tódolos clans patriarcais compartían a promesa de unha terra e unha descendencia numerosa.

Abraham representa ó home de fe. Sen terra, sen fillos, ancián e cunha muller estéril cre nas promesas de Deus.

7 - PEQUENA RECAPITULACIÓN

Para retomar o xa dito poñemos este pequeño resumo:
  1. A Biblia é un conxunto de libros que comprenden a revelación de Deusós homes a través da historia do pobo de Israel.
  2. Ten dúas partes: AT e NT. O AT abarca desde a Xénese ou principioata eu comeza a era cristiana, e o NT vai desde Xesús nos evanxeos ata aApocalipse como último libro.
  3. Os libros están divididos en capítulos e versículos, que figuran numerados como tales, e para citalos úsase ademáis o nome do libro pola súa abreviatura, p.ex: Mt 2, 3 - 7 (Mateo, capítulo 2, versículos do 3 ó 7).
  4. Na Biblia hai diversas maneiras de falar e de escribir, por iso dise que hai diversos xéneros literarios (poesía, historia, lendas, mitos,...).
  5. O pobo de Israel comeza con Abraham e os seus descendentes, de Isaac,Xacob (Israel) e as doce tribus de Israel.

8 - ÉXODO, NÚMEROS, DEUTERONOMIO

    No libro do Éxodo atopamos:
  1. a liberación de Exipto (11 - 15, 21)
  2. a marcha polo deserto (15, 22 - 18, 27)
  3. a alianza do Sinaí (caps. 19 e ss)

Estes temas tamén aparecen no libro dos números e no Deuteronomio.

Os hebreos eran oprimidos en Exipto e a súa saída daquel país tivo lugar en torno ó ano 1250 a.C. Este é o nacemento do pobo de Israel: "Eramos escravos e Yahveh sacounos de Exipto con man forte" (Dt 6, 21). Hai dous relatos da vocación de Moisés: Ex 3, 1 -20 (o máis antigo) e Ex 6, 2 -13 no que aparece a teoloxía da alianza vv. 7 - 8. En ámbolos dous revélase o nome de "Yahveh", que antes non era coñecido (Deus era "o Deus dos pais" ou "El Sadday").

9 - A PASCUA NO POBO DE ISRAEL

A Pascua era unha festa pastoril moi antiga que marcaba o final do inverno e a partida cara ós pastos da primavera. No Éxodo dáselle unnovo sentido: saída da escravitude, salvados por Yahveh.

O pobo de Israel pasa 40 anos no deserto antes de entrar na Terra Prometida. Desde entón o Deserto é o lugar da proba e o lugar do encontro con Deus. Moito máis tarde os profetas verán a vida no deserto coma un ideal perdido (Os 2, 16)

9 bis - HISTORIA

Antes de comezar o estudio dos profetas convén ter unha idea da historia de Israel.Despois da saída de Exipto e os anos pasados no deserto os israelitas establécense en Canán (Xos, Xui). De nómadas pasan a ser labregos sedentarios. Isto ten graves repercusións relixiosas, como o culto ó deus canaeo Baal, para propiciar a fertilidade da terra.

Cara ó ano 1020 a.C. instáurase a monarquía co rei Saúl. O seu sucesor, David, conquista Xerusalén e fai dela a capital do reino. Con David, Israel acada a súa máxima expresión territorial. O seu fillo Salomón constrúe o Templo. No seu tempo aumenta considerablemente a riqueza, ero tamén os impostos e a opresión dos máis pobres. Á sua morte no ano 931 a.C. o reino divídese en dous ó sur o reino de Xudá, ó norte o de Israel. Nestes séculos acada o seu apoxeo o movemento profético. O reino de Israel desaparece no 722 a. C. conquistado polos asirios. O de Xudá é destruido por Nabucodonor no 586 e comeza o desterro.

10 - OS LIBROS PROFÉTICOS

Os libros proféticos constitúen o último bloque do Antigo Testamento. Abranguen unha época que vai desde o século VIII (Am) ata ó IV(Zac 9- 14), pero xa antes houbera profetas como Moisés, Natán, Elías, Eliseo …

Non confundamos profeta con adiviño. O profeta é intérprete da palabra divina, é un home inspirado por Deus, que dirixe a súa mensaxe ó pobo e intervén en períodos de crise da histoira nacional.

Formación dos libros proféticos: A mensaxe profética é falada. Ás veces os profetas escribían as súas profecías ou experiencias pero o máis habitual era que fosen recollidas polos seus seguidores. Estes escritos foron obxeto de edicións sucesivas, sobre todo a partir do Desterro, as edicións dos profetas foron revisadas e ampliadas.

11 - AMÓS

O profeta Amós era un pastor de Tecua, no reino do Sur, aínda que desenvolve a súa actividade no reino do Norte, no tempo de Xeroboán II. Eran tempos de paz e enorme prosperidade económica. Lede Am 5, 4-6, 11. Amós denuncia a inxustiza: o luxo dos poderosos conseguido coa opresión dos pobres, os ricos falsean as medidas, vende ós pobres como escravos, subornan ós xuíces.

Denuncia tamén o culto meramente exterior e a falsa seguridade relixiosa. Os israelitas séntense privilexiados e seguros por ser o pobo escollido por Deus. Coidan que nada lles pode pasar e agardan "o día de Yahveh" como día de triunfo para Israel e ruína para os outros pobos. Pero non vai ser así, será un día de ruína e escuridade. Precisamente o feito de se-lo pobo escollido comporta unha maior responsabilidade. A pesar de anuncia-la destrucción de Israel, en Amós aparece por primeira vez a idea do "resto salvado" (5, 15 e 9,8), que veremos noutra ocasión.

12- OSEAS

Oseas é contemporáneo de Amós. Lede Os 1-3. Oseas casa cunha muller que é infiel; con todo, el continúa a querela. Á semellanza de súa vida, Oseas ve en Israel a esposa adúltera de Yahveh. Os seus amantes son os outros deuses. Deus ama a Israel a pesar de todo. O castigo é só un medio para que volva a El. En 2,16-18 anúnciase a reconciliación. Aquí aparece a vida no deserto durante o Éxodo coma un ideal perdido.

A imaxe matrimonial das relacións entre Yahveh e o seu pobo tivo moitísima influencia noutros profetas.

13- ISAÍAS

O libro de Isaías foi escrito por varios autores, ó longo dos séculos. A primeira parte - cap2-39- da segunda metade do século VIII, é propiamente a do profeta Isaías. Os cap. 40-55 son posteriores en século e medio á morte do profeta Isaías. Reciben o nome de "Libro da Consolación". Son obra dun profetado exilio, de nome descoñecido chamado "deutero-Isaías" ou segundo Isaías.

14- ISAÍAS (cont)

Como escritor, Isaías é considerado o gran poeta clásico de Israel. É tamén un profeta citadísimo no Novo Testamento. P. ex.: lede Is.5,1-7, a "Canción da viña". Na marxe de Biblia (ou ó comezo do capítulo, depende das edicións) hai moitísimas referencias a outros libros da Biblia. Collamos a de Mt 21, 33-44, a parábola dos viñadores homicidas. No Evanxeo, os oíntes de Xesús séntense aludidos porque coñecen perfectamente o texto de Isaías no que se identifica a Israel cunha viña.

    Is 1-13 contén fundamentalmente a súa predicación durante o próspero reinado de Yotán (753-734) e o período da guerra siro-efraimita (Siria e Israel contra Xudá). Ademais da "Canción da viña" atopamos:
  • a denuncia do culto (1, 10-20)
  • o relato da vocación (6, 1-13)
  • a profecía do Emmanuel (7, 17)
  • e outros oráculos mesiánicos (11, 1-9)

15- ISAÍAS (cont)

No ano 721 o Reino de Israel deixa de existir, destruído por Asiria. Deste tempo datan os oráculos contra as nacións (cap.13 a 23) , aínda que moitos fragmentos son posteriores a Isaías, en particular os oráculos contra Babilonia dos capítulos 13 e 14.

O rei Ezequías (716 - 689 a.C.) intenta rebelarse contra Asiria. Isaías oponse a pedir axuda a Exipto (cap.30-31) porque equivale a desconfiar de Deus. No ano 701 Senaquerib de Asiria invade Xudá e chega ás portas de Xerusalén (c. 36). Isaías anuncia a salvación da cidade, pero, cando os asirios se retiran, o pobo non dá gracias a Deus e enton é cando el mesmo pronuncia oráculo contra Xerusalén (cap. 22)

16 - XEREMÍAS (I)

A xuventude de Xeremías coincide co reinado de Xosías (641 - 609), o que levou a cabo a reforma deuteronomista, suprimiu os santuarios locais e centrou o culto en Xerusalén. Na época dos seus sucesores estendeuse o culto ós deuses estranxeiros, o que é denunciado por Xeremías que fai chamadas á conversión.

No ano 605 Nabucodonosor vence ós exipcios e Babilonia convértese na potencia dominante, que conquista Xudea no 598, ano no que se produce unha primeira deportación de xudeus a Babilonia. No ano 586 desaparece o reino de Xudá. Xerusalén é destruída, o Templo saqueado e comeza o DESTERRO en Babilonia. Algúns resistentes foxen a Exipto e levan con eles a Xeremías do que non se volve saber máis nada.

17- XEREMÍAS (II)

Dada a grande extensión e enorme riqueza do libro de Xeremías,consideraremos só algúns aspectos. Lede o cap. 7. Xeremías acusa ó seu pobo de abandonar a Deus, de confiar no Templo e na Lei, é dicir, de practicar unha relixión puramente externa. O pobo cre que o Templo garante a presencia de Deus e séntese seguro. Pensa que está protexido pola Alianza e polo Templo, con independencia da súa conducta. Xeremías di que o culto non é nada se non vai acompañado dunha actitude interna. A relixión debe ser interior, persoal (31, 29-30) en contra da teoría da retribución colectiva.

18 - EZEQUIEL (I)

Na vida de Xeremías falaramos dunha primeira deportación de xudeus a Babilonia no ano 597 a.C. Os deportados eran o rei, os notables, os traballadores especializados, os sacerdotes, entre eles o profeta Ezequiel.
    Estructura do libro de Ezequiel
  • Vocación e misión (1-3)
  • Oráculos de condenación contra Xerusalén (4 -24)
  • Oráculos contra as nacións (25 - 32)
  • Mensaxe de esperanza (33 - 39)
  • Visión sobre o Templo e a Terra (40 -48)

Os primeiros deportados confían nunha pronta volta a Xudá. O último que esperan é a destrucción de Xerusalén e o aumento do número dos desterrados. Xa Xeremías nunha carta ós exiliados (Xr 29, 5 -7) fai o posible por disipar esta ilusión. Pero o pobo alentado por falsos profetas négase a admitilo. Ezequiel por medio de accións simbólicas (unha das características deste profeta ) anuncia a destrucción de Xerusalén (cap.4 -5). Ten unha visión na que a gloria do Señor abandona Xerusalén (10, 15 - 19 e 11, 22ss).

Moi importante é o cap.18 no que se establece a retribución individual.

19 - EZEQUIEL (II)

Seguindo coa estructura do libro diremos que, despois da caída de Xerusalén, a predicación de Ezequiel tenta explica-las causas do desastre e ofrece signos de esperanza (caps. 36 e 37). Os caps. 38 e 39 preludian a literatura apocalíptica.

    A deportación a Babilonia marca un antes e un despois para Israel:
  1. Prodúcese unha creba teolóxica. ¿Serán máis fortes os deuses babilónicos que o Deus de Israel?
  2. Pérdense os fundamentos da vida relixiosa de Israel: A Terra_prometida ós patriarcas e que lles pertencía desde o Éxodo. O Rei, pois Deus prometera a David que mantería para sempre a súa linaxe no trono (2 Sm 7, 12 - 13). O Templo, lugar da presencia divina, onde se custodiaba a Arca da Alianza, centro da vida relixiosa. Pero agora non hai nin terra, nin rei, ni templo.

Se Israel non mantivo o seu compromiso na Alianza, ¿por qué Yahveh habería de mante-lo seu?

Nesta situación cabería espera-la desaparición da relixión e do mesmo pobo e a súa absorción polo Imperio Babilónico, como sucedeu con outros pobos; non foi así pola acción de Xeremías, de Ezequiel ou do Segundo Isaías. Ben é certo que a cultura superior dos babilonios tivo efectos importantes: a adopción do arameo, relegando o hebreo só ó culto.
Pero a fe mantívose, a relixión foi máis persoal e universalista.

20 - A TRADICIÓN SACERDOTAL (P)

En Babilonia os sacerdotes reflexionan sobre a historia de Israel. Cren que o desterro así como a cautividade en Exipto xa foran anunciados por Deus. Se o pobo se converte haberá un novo Éxodo, unha nova entrada na Terra Prometida. Desta reflexión xorde a HISTORIA DEUTERONÓMICA. Hai unha lectura de toda a historia dende a creación. A historia dá fundamento ós ritos e ás festas. É agora cando o Pentateuco adquire a súa forma definitiva, empezando e acabando con relatos de tradición sacerdotal: o primeiro relato da creación (Xen 1) e amorte de Moisés (Deut 34).

Con todo, produciuse un acontecemento irreversible: a destrucción do Templo. Foi en Babilonia onde comezou o culto sinagogal non centrado no sacrificio, senón na oración e na meditación das palabras de Deus.

21- O SEGUNDO ISAÍAS (I)

Os capítulos que van do 40 ó 55 do libro de Isaías reciben o nome de "Libro da Consolación", debido ás súas palabras iniciais ("Consolade,consolade ó meu pobo… "); o tema do consolo aparece tamén no resto dolibro (p.ex. 43, 1 - 3). Do seu autor non se coñece o nome, chamámoslle segundo Isaías ou Deutero-Isaías.

Predica ós xudeus desterrados no tempo comprendido entre os primeiros éxitos de Ciro (546 a. C.) e a súa conquista de Babilonia (539 a. C.)

22 - O SEGUNDO ISAÍAS (II)

Os capítulos que van do 40 ó 55 do libro de Isaías refírense ó anuncio da liberación por medio de Ciro e do retorno a Xerusalén. Hai un novo éxodo. Deus apiádase do seu pobo, rescátao e faino saír de Babilonia, condúceo a través do deserto ata entrar na terra das promesas. O deserto xa non ten carácter probatorio, senón que é un paraíso por onde marcha alegremente a comunidade.

É importante destaca-lo universalismo de Isaías: a salvación non se dirixe só a Israel, senón a tódolos pobos (45, 12; 54, 9). Dos capítulos 49 ó 55 trátase da reconstrucción e restauración de Sión. Xerusalén aparece como esposa fiel e cidade universal. Retomando imaxes de Oseas e Xeremías, descríbese a restauración coma un encontro entre o Deus esposo e a cidade esposa.

23 - O SEGUNDO ISAÍAS (III)

Os cantos do servo sufrinte (42, 1 - 7; 49, 1 - 7; 50, 4 - 9; 52, 13 -53, 12) desempeña, na segunda prte do libro, un papel semellante ó de Ciro na primeira.

Ciro trae a salvación temporal, a liberación de Babilonia. O Servo trae a salvación eterna. Ciro basea o seu poder nas armas. O Servo, modelo de debilidade e de non violencia, conta tan só co poder do sufrimento, pero a súa victoria é máis duradeira que a de Ciro. Nunca antes no Antigo Testamento se tiña falado do valor redentor do sufrimento.

24- PANORAMA HISTÓRICO

No ano 539 a.C., Ciro, rei dos persas acaba co imperio neobabilónico. Os persas respectaban as identidades nacionais dos pobos sometidos. Así, no 538, promulga un edicto no que ordena a reconstrucción do templo de Xerusalén á conta do goberno persa (Esd 6,3 - 5).

No tempo de Darío I (522 -468) viviron os profetas Axeo e Zacarías. Axeo impulsa a reconstrucción do Templo que é dedicado no ano 515 (Esd6, 15-22). Había moita tensión entre os repatriados de Babilonia, que se consideraban a si mesmos "o resto" fiel, e os que permaneceran en Xudea.

O rei Artaxerxes I envía a Nehemías (do que falaremos noutro boletín) a reconstruir as murallas de Xerusalén.

Baixo o reinado de Artaxerxes II (404 - 359) chega a Xudea Esdras, o fundador do xudaísmo (tamén nos ocuparemos del).

Alexandro Magno (353 - 323) destrúe o imperio persa e con el comeza a época helenística.

25 - MALAQUÍAS

"Malaquías" significa "o meu mensaxeiro", non é o nome do profeta. A composición do libro sitúase entre os anos 480 - 460. O pobo xa volvera do exilio, reconstruírase o templo e restablecérase o culto.

O profeta denuncia as faltas cultuais dos sacerdotes e dos fieis (1, 6- 2, 9 e 3, 6 - 12) e o escándalo dos matrimonios mixtos e dos divorcios (2, 10 - 16). Anuncia tamén o día de Yahveh, que purificará o sacerdocio, destruirá ós malos e dará o triunfo ós xustos (3, 1 - 5. 13- 21).

Un tema prominente é a alianza (1, 1 - 5): a elección divina non debedar lugar á compracencia senón á obediencia.

Retribución (Mal 2, 17 - 3, 5). Os repatriados escandalizábanse de ver as súas posesións nas mans dos que permaneceran no país, non entendían a prosperidade dos malvados. A resposta está en 3, 1 - 4: Deus enviará un mensaxeiro para xulgar. A finalidade do xuízo non é a condena, senón a purificación (imaxes da lixiva e do lumen). Este mensaxeiro é identificado con Elías.

26 - O TERCEIRO ISAÍAS (Is 56 - 66)

Época: Dende a fin do desterro ata o final da dominación persa e mesmo máis tarde, baixo o dominio grego.

O contido destes capítulos é moi variado. Constitúen o núcleo os cap. 60- 62. A salvación chega a Xerusalén. Aquí témo-lo vv. 61, 1 -3 que Xesús le na sinagoga (Lc 4, 18 - 19). As imaxes de Xerusalén serán recollidas pola Apocalipse para falar da Xerusalén celestial. Xerusalén será "casa de oración para tódolos pobos" (56, 7), frase citada por Xesús ó expulsar ós vendedores do Templo. Por unha parte atopamos un xuízo contra as nacións e pola outra, un universalismo inigualado no A.T. (56). Os estranxeiros poderán mesmo ser sacerdotes e levitas (66, 18 - 24 ).

No cap. 58 denúnciase a práctica relixiosa meramente externa (58, 7, recollido en Mt 25, 34ss). Deus é coma un pai (63, 16. 64, 7) e coma unha nai (66, 13). Deus vai ó encontro do seu pobo (65, 1- 2) pero non é escoitado. En 65, 8 retoma a metáfora de Israel coma viña (Is 5, 1 -7) e anuncia a salvación dun resto (acio) do pobo que non será destruído.

27 -XOEL

    No libro de Xoel distínguense dúas seccións:
  • Caps. 1 e 2: Unha invasión de lagosta provoca unha liturxia de dór e de súplica (2, 12ss; estes versículos entrarán na liturxia cristiá de Coresma )
  • Caps 3 e 4. Xuízo das nacións e victoria definitiva de Yahveh e de Israel. Estes capítulos fan de Xoel un precursor da literatura apocalíptica.

No día do Señor produciráse a Efusión do Espírito (cap. 3). Estes versos serán recollidos por Pedro (Feit 2, 17ss) cunha modificación: en Feitos 2, 20 lemos "antes de que chegue o Día do Señor".

Para os cristiáns o Día do Señor aínda está por chegar, pero o don do Espírito é un signo precursor.

28 - O SEGUNDO ZACARÍAS

Chamamos así á segunda parte do libro de profeta Zacarías (Za 9 - 14), escrito entre os séculos IV e III a.C. (no cap. 9, 13 aparece "Yaván" =Ionia).
    Distinguimos dúas seccións.
  • Caps. 9 -11, en verso, nos que se anuncia unha intervencióndefinitiva de Deus.
  • Caps.12-14, en prosa, a salvación e gloria futura de Xerusalén, redactada en termos apocalípticos.

O aspecto mesiánico do libro de Zacarías fai que sexa moi utilizado polos evanxelistas, especialmente Mateo e Xoán.

O tema dos pastores aparece tanto na primeira sección como na segunda, e será posteriormente recollido nos Evanxeos.

29 - XONÁS

Non é propiamente un libro profético, senón un escrito didáctico. O libro de Xonás proclama o universalismo contra o particularismo dalgúns xudeus (coma as parábolas do "fillo estragador" e a dos"traballadores da viña"). Neste libro o único personaxe desagradable é Xonás, precisamente o único israelita, frente ó resto dos personaxes "positivos", que son pagáns.

A mensaxe é que Deus non é Deus de Xudá, senón de tódolos homes.

30-RESUMO DO PROFETISMO

  1. Os Comezos
    • ss. XII - XI. Débora (Xuíces 4); Samuel,grupos proféticos (1Sm, 1Re)
    • ss. X - IX. Natán (2 Sm, 1 Re), Gad (1 e 2 Sm). Nos libros dos Reis: Ajías, Miqueas ben Yimlá, Elías, Eliseo.
  2. Idade de Ouro* (corresponde ós libros que chamamos "os profetas").
    • A. Pre-exílicos:
    • s. VIII Amós,Oseas, o Primeiro Isaías e Miqueas
    • s.VII - V Sofonías, Nahún, Xeremías e Habacuc
      B .Exilio:
    • Ezequieleo Segundo Isaías
      C. Post-exílicos:
    • Axeo, Primeiro Zacarías, Terceiro Isaías, Abdías, Malaquías, Xonás, Xoel, Segundo Zacarías, Baruc. Daniel, tradicionalmente contado entre os profetas, cae máis ben dentro da literatura apocalíptica. De feito,a Biblia hebrea non o coloca cos profetas ("nebiim") senón cos "outros escritos" ("ketubim").

31 - HISTORIA

No ano 333 Alexandro Magno derrota ó persa Darío III e faise dono do seu imperio. A nova lingua internacional será o grego, substituíndo ó arameo. Mesmo no tempo de Xesús atoparemos xudeus con nomes gregos: Felipe, Andrés, Nicodemo.

Ata ó ano 200 a.C. Palestina depende dos tolomeos de Exipto. Apartir dese ano, dos seléucidas de Asia. A colonia xudía e Alexandría é importantísima. Para eles se traducirá a Biblia ó grego. É a chamada versión dos Setenta (LXX). Inclúe libros que non están no canon hebreo nin protestante, pero si nos das igrexas católicas e ortodoxas: Tob, dt, 1 e 2 Mac, Bar, Sap, Sir e as seccións escritas en grego de Est e Dn.

Cando no Novo Testamento se cita o Antigo, é na versión dos LXX a que se cita.

32 - OS MACABEOS (I)

Antíoco IV (175- 163) inicia unha política de helenización forzosa. Saquea o Templo e profánao ó erixir nel un altar a Zeus Olímpico. Prohibe a circuncisión e a celebración das festas xudías baixo pena de morte. Obriga a sacrificar ós deuses gregos. Isto provoca un levantamento liderado por Xudas "Macabeo" (= martelo) e, trala súa morte, polos seus irmáns Xonatán e Simón sucesivamente. Xudas reconquista Xerusalén e lévase a cabo a purificación e dedicación do Templo. Os xudeus conmemoran este feito na festa de Hanuca (decembro).

33 - OS MACABEOS (II)

O primeiro libro abrangue o período 175 - 134 a. C.; fora escrito en hebreo entorno 100 a. C., pero só conservamos a traducción grega.

O segundo libro comprende o período 175 - 160 a. C. É anterior ó primeiro e foi escrito directamente en grego.

Ningún dos dous forma parte do canon hebreo.

34 - DANIEL (I)

É o único libro da Biblia escrito nas tres linguas bíblicas ( hebreo, arameo e grego ). As seccións gregas non están incluídas na biblia hebrea.
  • Cap. 1 -6: Daniel e os seus compañeiros na corte babilónica son sometidos a diversas probas por causa da súa fe, das que saen victoriosos.
  • Cap. 7 -12: Visións e as súas interpretacións.
  • Relatos gregos (13 e 14).

O libro pretende pasar por ser escrito no tempo do Desterro (s.VI a. C.), pero isto non é máis ca un recurso literario. Foi escrito entre os anos 167 e 164 a. C. Coñece a profanación do Templo no ano 167 por Antíoco IV (9, 27) pero non a rebelión macabea.

35 - DANIEL (II)

Este libro presenta como profecía os feitos transcorridos desde o Desterro ata época na que se escribe. Só a partir de entón miraría caraó futuro (Dn 12, 5 -13).

Nas biblias católicas Daniel aparece entre os profetas, pero na hebrea forma parte dos "outros escritos". Isto confirma a data de composición. Cando se escribiu o libro de Daniel, o canon dos profetas xa estaba pechado (Sir 44 - 49). Ademáis da cuestión da data, Daniel xa no pertenece á literatura profética, senón á apocalíptica (apocalipse = revelación). Esta procede daquela e xa atopamos antecedentes apocalípticos en Ezequiel e no Primeiro Zacarías.

36 - DANIEL (III)

A apocalíptica é propia de tempos moi difíciles, nos que trata de sostera esperanza dos perseguidos. A segunda parte de Daniel é a propiamente apocalíptica: linguaxe simbólica, revelación por visións, anxos, fin dos tempos, etc.

No cap 7, 13 temos a expresión "Fillo do Home", título que Xesús usará para falar de si mesmo.

A POESÍA DE ISRAEL.

Veremos neste apartado os Salmos, o Cantar e as Lamentacións. O salmo é un canto que expresa poeticamente unha experiencia de fe. O libro dos Salmos chámase en hebreo "Tehillín" = loanzas. Das 300 citasque no NT hai do AT, 100 son dos salmos. Aínda que atribuído a David, o Salterio foise formando ó longo dos séculos. A dobre numeración é debida fundamentalmente á división en dous do salmo 9 en hebreo. Citaremos pola versión hebrea e non pola grega (a que aparece entre paréntese )

37 - XÉNEROS LITERARIOS NOS SALMOS

HIMNO:
Actitude interior de loanza pura (Sal 8)
SÚPLICA:
Actitude interior de loanza pura (Sal 8)
CONFIANZA E AGRADECEMENTO:
O coñecidísimo 23,ou o 116
LITÚRXICOS:
Entre eles os de entrada que indican as condicións para acceder ó culto (condicións éticas, non externas) ( Sal 15 e 24 )
SAPIENCIAIS:
Entre eles os históricos que fan catequese sobre asraíces da propia fe, por exemplo, o Gran Hallel ( 136 ), que é ó mesmotempo un himno.
REAIS:
De entronización e mesiánicos (Sal 2). Moitísimos salmos son moi coñecidos por ser cantados na misa, como case tódolos citados.

38 - A VERDADE NA BIBLIA

A Biblia ofrécenos unha ensinanza de cara á salvación: unha ensinanza que chega ata nós con palabras humanas, con xeitos de expresión propios dos tempos en que se compuxeron os libros, facendo uso da súa mesma cultura e linguaxe, e empregando uns xéneros literarios a miúdo distintos dos de hoxe.

A mensaxe da Biblia ten garantía de verdade, por gozar da inspiración divina. Certo que o que Deus quere ofrecernos non é unha información científica, senón unha mensaxe encamiñada á salvación. Como dixo hai tempo S. Agostiño: "Deus non quere dicirnos como é o ceo, senón como chegar a el; non intentou ensinarnos cosmoloxía nin ciencias naturais, senón o camiño da salvación".

A Biblia céntrase nas verdades que interesan ó home para acadar a Vida.

39 - OS SALMOS (II)

Os salmos non deben lerse de corrido, senón pouco a pouco. Moitísimos deles sonnos coñecidos por ser cantados na misa.

Para non nos perder nun libro tan extenso convén botar man das introduccións das biblias. Nelas atoparemos cales salmos son os de loanza, cales os de dúplica, etc., segundo o que desexemos en cada momento.

¡Cantas veces un salmo expresa exactamente o que queremos dicir!

40 - OS SALMOS (III)

Algúns tipos de Salmos quedan lonxe da nosa sensibilidade: os históricos, os reais, os sapienciais …

Con outros sontímonos máis identificados: os de súplica, os de confianza, os de acción de gracias, que son parecidos entre si (porquea súplica sempre ten que ser confiada).

Citamos aquí algúns salmos concretos:
  • De súplica: 6, 22, 38, 42, 86, 130, 142.
  • De súplica: 6, 22, 38, 42, 86, 130, 142.
  • De ación de gracias: 32, 34, 116, 138.

41 - O CANTAR DOS CANTARES

"Cantar dos Cantares significa o cantar por excelencia. Celebra o amor humano, entre un home e unha muller, bendicido por Deus en Xén 2, 24. Hai quen se sorprende de que un poema erótico, sen referencias relixiosas explícitas, forme parte do canon ¡Como se Deus non tivese nada que ver co amor humano!

A partir da era cristiá, pero non antes, foi interpretado de formaa legórica: Deus é o esposo e Israel a esposa (coma na linguaxe dos profetas). Os cristiáns ven a alegoría das vodas entre Cristo e a Igrexa ou a unión mística da alma con Deus. Pero a tradición máis antiga é a interpretación literal. O Cantar cantábase nas festas de voda. Non temos por qué eliminar as lecturas alegóricas, pero non se pode compartir a idea dalgúns comentaristas para os que o carácter inspirado do Cantar esixe que diga algo distinto do amor humano.

42 - LIBRO DAS LAMENTACIÓNS

Está formado por cinco cantos sobre a destrucción de Xerusalén (587 a.C.). Foi erroneamente atribuído a Xeremías, por iso aparece entre os profetas, pero nas biblias máis recentes está coa poesía de Israel. A Igrexa utilízao na Semana Santa e os xudeus recítano na conmemoración da destrucción do Templo.

As conviccións que atopamos neste libro son: a responsabilidade ante o pecado, o valor educativo do sufrimento, a absoluta xustiza e o eterno amor de Deus, o carácter inescrutable dos seus designios, a fiúza do crente e a necesidade de paciencia.

O feito de que a destrución dunha cidade sexa desgraciadamente tan habitual, non debe deixar no esquecemento a dor dos que sofren.

43 - LITERATURA SAPIENCIAL

Os libros sapienciais son Xob, Qohélet (Eclesiastés), Proverbios, Sirácida (Eclesiástico) e Sabedoría. Neles atopamos dúas correntes:
  • Unha máis ortodoxa e conservadora baseada no principio da retribución. O bo é premiado e o malo castigado.
  • Outra, que ve que o xusto sofre e o malvado prospera e pregúntase porqué o consinte Deus (Xob, Qohélet).

44 - HISTORIA DA SALVACIÓN

Ó longo dos séculos, os homes esperaban sempre dos deuses non que crían algúns sináis benéficos, que os sacasen dos apuros cotiáns. Pero os deuses ficaban lonxe, e os homes sentían a sús acción en feitos rechamantes, que traían as máis das veces desgracia.

E como nos dice unha lectura da misa "nin no furacán, nin no relampo estaba Deus, senón na suave brisa".

Un bo día, un home chamado Abram sentiu que un Deus distinto lle falaba animándoo a saír de onde vivía para dirixirse a outra terra que El lle ía mostrar. Aquel home déixase conducir por ese deus aínda descoñecido e fanse os dous amigos.

Deus bendí a aquel home e á súa descendencia e o home xura ser leal a aquel deus.

Algúns séculos máis adiante uns descendentes do devandito patriarca pola rama de Xacob (coñecido tamén como Israel) sufrían lonxe da súa terra escravizados por unha xente que adoraba a outros deuses. Así comeza a nosa fe.

45 - LIBRO DE XOB

O primeiro que chama a atención é que o "paciente Xob" non ten nada de paciente. Deféndese con vehemencia de quen se sabe inocente.

O libro considera os problemas do sufrimento do inocente, da prosperidade do malvado, de por qué permite Deus tanta inxustiza e tanto mal, preguntas que todos nos facemos. Hai quen nega a existencia de Deus precisamente pola dor dos inocentes.

Os amigos de Xob respóndenlle cos argumentos tradicionais:
  • A felicidade do malvado é breve.
  • Deus é xusto, por tanto, se Xob padece, terao merecido.

Xob non acepta estas respostas e clama contra a inxustiza divina. É o mesmo Deus o que contesta a Xob e este pode dicir: "coñecíate de oídas, pero agora víronte os meus ollos" (42, 5). Hai un encontro vital con Deus, unha relación persoal, non baseada no racionalismo, nun sistema decrenzas (discursos dos amigos de Xob), senón que é un coñecemento dende o corazón. Xob humíllase, recoñece o pouco que é o ser humano ante Deus, a imposibilidade de comprender os seu planos.