martes, 17 de noviembre de 2015

COMPROMISO DE CRENTE

Non sei se vos pasa a vós, pero a min si que me pasa. Explícome: cando algo non vai ben ou non funciona como debese a nivel social, parroquial ou eclesial, sempre tendo a buscar responsables, que non culpables, fóra de min, nas autoridades competentes.

Pásavos a vós?

Ó mellor esta é a explicación máis fácil para que as cousas non funcionen como deben, non funcionen ou sigan sen solución. Poñamos un exemplo calquera a nivel familiar, veciñal, parroquial ou municipal; non vaiamos a niveis supra parroquiais de tipo autonómico ou estatal.

Constatamos, como crentes, que a presenza eclesial cada día é menos presenza viva. Non busquemos razóns ollando cara a tempos pasados nin cara a esferas superiores. Constatamos que a sociedade, cada día, está máis secularizada e, polo tanto, a influencia da relixión na sociedade perde importancia e presenza.

A pregunta que me fago e vos fago é a mesma: podo facer algo, poñer algo da miña parte para que a miña presenza de persoa crente se vexa nas palabras e nos feitos?

Concretando:

- Se miro ós máis necesitados, incluídos os refuxiados e inmigrantes, podo participar activamente en Cáritas ou noutra entidade de axuda?

- Se miro ás celebracións litúrxicas, son así porque a culpa é da idade do clero ou porque non me comprometo a participar activamente como lector, cantor, etc.?

A vida parroquial será máis activa na medida en que eu participe, propoña ideas, non para que as executen outros senón para sentirme tamén actor.

Na Igrexa, na parroquia, na sociedade, somos os que somos, pero non podemos quedarnos na lamentación senón no compromiso.

Ademais do que se fai na parroquia, imos comezar a reunirnos no grupo parroquial para achegar propostas para o sínodo diocesano. No mes de decembro, o día 8, comeza o Ano Santo da Misericordia; temos previstas actividades pero admítense suxestións para esta ou outras actividades.

Podemos contar contigo? Achega ideas, intégrate nalgunha comisión, participa activamente. Serás ben recibido/a.

Benjamín.

lunes, 16 de noviembre de 2015

ORAR EN MISERICORDIA

Fai uns días, escoitando a Sebastián Mora, secretario xeral de Cáritas Española, este provocaba nos presentes unha profunda reflexión, que non por sabida é menos profética: “A acción caritativa sen reflexión e sen oración non é acción cristiá, pois fáltalle o auténtico sentido de vinculación a Cristo Xesús”.

A un mes do comezo do Ano Santo da Misericordia, a actitude crente ante as catorce obras de misericordia, ampliables a vinteoito, non debe ser outra que a de facelas vida en oración confiada. Calquera persoa de ben pode practicar as obras de misericordia, pero o cristián identifica a súa acción caritativa cando as une, en oración, á vida persoal e á vida comunitaria da Igrexa.

Hai outro aspecto importante a ter en conta. Precisamos o perdón de Deus, pois aínda que Deus “como Pai misericordioso" nos garante o seu perdón, non é menos certo que nós “como fillos” debemos recoñecer o noso pecado: “Pai, pequei contra o ceo e contra ti...”

Preparémonos, en oración confiada, para o comezo do Ano Santo da Misericordia.

Boletín de novembro!