lunes, 13 de junio de 2016

REMATA O CAMIÑO, PERO CHEGAMOS Á META?

O próximo día 18  remataremos o percorrido do Camiño Portugués. Cantos pasiños!, que son indicativos de que con pequenas cousas se acadan grandes obxectivos. Cantas escenas da beleza da natureza galega!, que son retratos da obra da creación. Cantos momentos e espazos para a reflexión!, oportunidade para poñer a nossa vida onde se merece.

Remata o camiño, pero... aínda que chegamos á Porta do Perdón, na Catedral,
para acadar as metas dos diferentes ámbitos da vida temos que seguir loitando,
pasiño a pasiño.

Ao mellor, rematado o percorrido do Camiño Portugués, sería bo que individualmente ou como parellas, pensaramos que retos nos quedan abertos cara ao futuro inmediato.

O día 18 sairemos ás 9 dos Tilos e comezaremos a mini etapa do Milladoiro Santiago na capela da Madalena  ás 9:30 da mañá. Xuntarémonos na praza da Quintana para entrar na Catedral pola Porta Santa. Situarémonos na nave da Acibechería agás os nenos/as, que terán un lugar especial. Co noso coro parroquial, xunto con todos os presentes, animaremos a celebración eucarística mediante os nossos cantos.

Teremos a invocación ao Apóstolo Santiago e repartiremos a todos os presentes un signo de amor e compromiso no Ano Santo da Misericordia. Tras rematar a Eucaristía, faremos a foto do grupo na praza da Acibechería. Logo, cadaquén pode facer o seu programa: comer en Santiago, volver á casa, etc.

domingo, 12 de junio de 2016

TEMPOS DE AVALIACIÓN

Remata un novo curso; curso académico para os estudantes; curso de avaliación e programación para todos, tamén para os cristiáns. Este ano os membros da Igrexa tiñamos e temos unha proposta moi importante, feita polo Papa Francisco; unha proposta, feita cruz, pois abrangue a nosa relación de Deus connosco e a nosa con Deus  −é unha proposta vertical− e, ao mesmo tempo, é unha proposta horizontal, pois abrangue as relacións cos irmáns, especialmente cos máis desfavorecidos. Esta dobre proposta ten moito de cruz porque se leva ás costas pero tamén porque é liberadora. Ao longo deste curso, invitóusenos e segue invitándosenos no que queda de Ano Santo a seguir as obras de misericordia.

Ata aquí a tarefa e, a partir de aquí, a avaliación:


  • Notouse na miña vida que é Ano de Misericordia?
  • Fun ou son quen de recoñecer que necesito da misericordia do Señor?
  • Fun ou son quen de recoñecer que preciso da misericordia dos irmáns?
  • Repasando as obras de misericordia, entran todas nos meus compromisos e actitudes de seguidor de Xesús?


Deus, noso Pai, é misericordioso pero gustalle ver que “o fillo volve á casa” e que “o fillo que está na casa acolle con misericordia ao irmán”.

Ao longo do verán e ata o vinte de novembro, en que remata o Ano Santo da Misericordia, temos a oportunidade de “exercer a misericordia” e, unha vez superada a avaliación, levala integramente nas nosa vidas.

Boletín Junio 2016

domingo, 8 de mayo de 2016

OBRAS DE MISERICORDIA (IV)

DAR DE COMER AO FAMENTO E DE BEBER AO SEDENTO


Falar da comida ou da bebida é algo básico para a vida en xeral e para o ser humano en particular; e tamén é un dereito humano o acceso á comida e á bebida.

Tanto o dereito á comida como o dereito á bebida, se non é realidade, é un atentado contra a vida e, como tal, un acto de violación dos dereitos humanos.

Hoxe constatamos que no noso mundo globalizado hai moita xente que ten sede desta auga e tamén ten fame e sede de máis xustiza social e, aínda máis, fame e sede dunha palabra amable ou de consolo que sexa bálsamo do sufrimento que padecen tantas persoas deste mundo.

Debemos, pois, ofrecer este don de Deus coa liberdade que nos dá o feito de que tanto o pan como a auga da vida están significados no alimento do pan e da auga dos que participamos na mesa da vida e do alimento diario. Así iremos un pouco máis alá xunto ás obras de misericordia corporais de dar de comer ao famento e de beber ao sedento.

sábado, 7 de mayo de 2016

CANTOS CAMIÑOS COÑECES?

Seguro que nunca nos paramos a pensar na cantidade de camiños que coñecemos e de cantos estamos a descubrir. Non me refiro só aos camiños de terra, asfalto, etc., e non tería ningún senso poñernos a pensar e a intentar dar resposta a esta pregunta. A pregunta que fago é a seguinte: cantos camiños coñeces para facer felices aos demais e ser ti mesmo/a feliz? Invítote a que intentes dar unha resposta.

Ao mellor os camiños descubertos nin sequera conseguen facer felices aos demais nin a un mesmo tampouco. Quizais porque é un camiño moi individualista; quizais porque a felicidade que buscamos non é a auténtica felicidade; quizais porque non temos claras as claves do camiño polo que nos tocou
camiñar.

Suxíroche que probes, se non o fixeches xa, a ir polo camiño do amor, un camiño no que vas encontrar necesidade de perdón, de misericordia, de considerar se ese camiño de amor polo que vas non é demasiado terrenal. Este ano o Papa Francisco invítanos a facer un camiño de misericordia ou, como nos dixo hai pouco, o camiño da alegría do amor.

Se queres afondar máis no tema, hai dous documentos recentes do Papa que dan cumprida información, a Encíclica Misericordiae Vultus (A cara da misericordia) e a Exhortación Apostólica
Amoris Laetitia (A alegría do amor).

Seguro que non te equivocas de camiño!

Boletín - maio 2016

sábado, 30 de abril de 2016

OBRAS DE MISERICORDIA (III)

PERDOAR AS OFENSAS

Para comentar esta obra de misericordia, encontramos no Evanxeo de S. Lucas moitos textos que nos poden axudar; non en van se identifica este evanxeo como o da Misericordia.

Fixarémonos na curación dunha muller en sábado: Lc 13,10-17.  Xesús está ensinando na sinagoga, ve a unha muller e dille: “Muller, quedas libre”. A muller non pode velo, está encurvada, pero si que pode oílo. Libre da súa enfermidade, enderéitase. A muller, ata aquel intre, non ten voz nin para laiarse nin para pedir axuda. Acepta esta situación coa marxinación social e legal que comporta. Xesús fixouse directamente nela e curouna. Ela ségueo e glorifica a Deus. Para Xesús é máis importante liberar a muller da súa enfermidade que gardar o sábado, e incluso vai máis alá porque lle recoñece todos os seus dereitos ao chamala filla de Abraham.


A actualidade do Evanxeo constata a situación de tantas mulleres que dende sempre foron marxinadas, afastadas  de postos de responsabilidade, etiquetadas e insultadas polo feito de ser mulleres.

Hoxe, Xesús, segue liberando e acollendo as mulleres e nós temos o noso papel e a nosa responsabilidade, pero debemos actuar como seguidoras e seguidores de Xesús. Recoñezamos, na nosa oración, a nosa culpa por omisión e permisividade.

Boletín abril 2016

jueves, 11 de febrero de 2016

OBRAS DE MISERICORDIA (II)

DAR DE COMER E BEBER A FAMENTOS E SEDENTOS


Empezamos, no boletín anterior, unha viaxe polas obras de misericordia. Sen facer o percorrido tradicional, fixámonos neste mes en dúas das obras máis sensibles aos nosos sentidos: darlle de comer ao famento e de beber ao sedento. Por que?  Por varias razóns: nos carteis que irán aparecendo periodicamente, nas portas da igrexa, e logo na fronte do altar, invítasenos e recórdasenos o importante que é exercer estas obras con aquelas persoas próximas e non tan próximas.


Pero ademais neste mes de febreiro, concretamente o día 10, empeza a Coresma, tempo de conversión; nesa mesma semana, MANS UNIDAS convídanos a unir as nosas mans a prol de tantas e
tantas persoas que o seguen a pasar mal.

Cales son as obras de misericordia máis urxentes? Todas son importantes pero, sen ningunha dúbida, darlle de comer ao famento e de beber ao sedento son as máis necesarias. Unha vez recuperadas as
forzas físicas, seguen a ser prioritarias as outras necesidades persoais.

Fagamos deste mes de febreiro un mes solidario, cheo de misericordia e camiño de conversión!

martes, 19 de enero de 2016

Feliz ano novo!

Feliz ano novo! É unha frase moi pronunciada nestas datas. Pero esta felicitación non debe reducirse a un simple bo desexo, senón que debe traducirse nun bo compromiso.

Lembremos as palabras de Santiago sobre a axuda ao indixente: “Se chama á túa porta un home farrapento, tremendo de frío e co estómago baleiro, tendendo a súa man suplicante, e ti lle dis: “Párteseme a alma de verte así, procura buscar algo de comer e algo co que defenderte do frío e un acubillo”, de que lle serviría que lle deses só palabras de alento? Non serían, acaso, un sarcasmo?” St 2, 14-16).

De que serviría dicirlles ás persoas que están ao meu carón: “Deséxovos un ano moi feliz!”, se moitas veces son eu a causa de moitos dos seus sufrimentos, se, podendo darlles a man para alentalos ou proporcionarlles paz, non o fago? Non é isto unha especie de mofa?

O gran regalo que debemos facernos uns a outros ao comezo do ano non debe reducirse a desexarnos  un ano próspero e feliz, senón que debe consistir en comprometernos a facernos mutuamente felices, sendo fieis e solidarios uns cos outros ao longo dos 365 días do ano.  COS MELLORES DESEXOS Poderiamos preguntarnos: “Que é o que na miña vida crea tensións, conflitos,  agresividades? O meu  carácter, o meu egoísmo, a miña intolerancia... Que impide a harmonía, a paz e a  alegría arredor de  min? E que hai na miña vida, nas miñas actitudes, nas miñas palabras que resulta alentador,  que axuda  os demais a ser felices, que lles proporciona paz e axuda, para potencialo durante o ano que  iniciamos? Que podería facer de positivo que non fago para convertelo en compromiso?”.

Isto si que axudaría a que ese gran saco de sementes que é o ano que comezamos se convertese nunha gran colleita...

O mesmo hai que dicir da paz, pois só temos paz cando a promovemos. Pódese  afirmar dela o que san Juan de la Cruz dicía do amor: Regala paz e recollerás paz.

Ao final da vida só  eremos  o tempo que vivimos para amar, para servir, para medrar, para sementar paz e felicidade... Só  teremos a colleita das sementes de ben.

O Señor agasállanos con 365 sacos de sementes e cómpre  ementalas todas. Como di Disraeli: “A vida é demasiado breve para sermos mesquiños ou para perdela de forma tonta...”

FELIZ ANO NOVO!

lunes, 18 de enero de 2016

OBRAS DE MISERICORDIA - CONSOLAR O TRISTE


Ao longo destes meses imos pormenorizar cada unha das obras de misericordia non só co ánimo de recordalas senón tamén co de poñelas en práctica. Actuando con misericordia manifestamos o Amor a Deus no amor aos irmáns.

Comezamos neste boletín desenvolvendo a cuarta obra espiritual: Consolar o triste.


Acudimos a María, referente a imitar nas nosas relacións familiares, cos enfermos, cos
pobres, etc. En María, Deus envíalle o “consolo ao seu pobo”, a través  de Xesucristo. Ela, cando estivo xunto ao seu Fillo na cruz, mereceu esta felicitación prometida polo Evanxeo: “Felices os que choran porque eles serán consolados” (Mt 5, 5). Despois da resurrección do seu fillo Xesús, recibiu este consolo, e por iso pode consolar os demais fillos en calquera loita.

María é a nai que sofre ao pé da cruz do seu Fillo e consola os discípulos desacougados despois
da morte de Xesús.

María pódenos axudar a poñer en práctica esta obra de misericordia cando na familia, nas relacións sociais, nos encontros ocasionais, nas visitas aos enfermos, etc., nos encontramos con persoas aflixidas, desconsoladas ou, simplemente, necesitadas dunha palabra de agarimo.