miércoles, 18 de diciembre de 2013

META DO CAMIÑO

Sei que nunca se acaba de peregrinar ata chegar á casa do Pai. Por iso dicimos que imos sempre de camiño. 

A experiencia do “Camiño” acaba sendo unha experiencia de vida, cada recuncho e cada costa simula os momentos de dificultade e escuridade, así como cada outeiro, cada regato ou cada vista panorámica, simbolizan a abundancia e a louzanía dos mananciais  de auga fresca que salta ata a vida eterna

Pero tamén o encontro con un mesmo na soidade interior ou na escaseza suficiente dunha mochila case baleira, vólvense riqueza liberadora na abundancia  dos froitos do Espírito que habita en nós. 

Foto: http://caminodesantiagoguide.org/

Unha experiencia modesta e humilde na fraxilidade dos nosos pés; o desexo dun bo camiño para o irmán que connosco  vai; a mansedume dunha natureza  que humaniza a mesma vida; a temperanza que modera o instinto de ser superior; o gozo que xorde do noso interior cando desde o monte divisamos a Catedral; a paz que se sente ao entrar apoiado no caxato polo parteluz do Pórtico da Gloria. 

Esta é Compostela ao final do Camiño e esta a paz que inspira o encontro do espírito coa pedra modelada polo paso do tempo e o camiño trillado dos peregrinos  aos que acompañou o noso Francisco de Asís en contacto coa natureza  do Camiño, que tan belamente rezou no Canto das Criaturas, 

martes, 17 de diciembre de 2013

MOTIVACIÓNS ANTE O NADAL

Na cultura cristiá é ben sabido que en Nadal celebramos o nacemento de Xesús, que vén precedido polo Advento, preparación a este gran acontecemento.

Nos últimos anos a cultura e os costumes cristiáns están a ser incluídas no mundo do consumismo. Xa non se fala de Nadal como tal senón das vacacións de inverno. Xa non se espera o Nadal, festa dun gran arraigo familiar, senón como días de lecer liberados de todo contexto relixioso. Nos folletos das  grandes áreas comerciais aproveitase a festa de Nadal invitando a un consumismo, malo de por si e levando a gastos extras que superan as posibilidades de moitas familias.

Ós nenos/as se lles ofrece a posibilidade de escribirlle a papá Noel, ao que se representa de cor vermello e subindo, cal ladrón, polas ventás da casa. Como este costume non chega para ilusionar e vender ofértase días despois a chegada dos Reis Magos.

¿Onde queda o Nadal? ¿Qué queda do Nadal? A presenza de Xesús de Nazaret vaise relegando, pouco a pouco, a un puro interese comercial.

Para unha vivencia máis profunda de Nadal, convídovos a vivir os días de Advento como preparación ambiental e persoal do nacemento de Xesús.

Convídovos a que sexan días profundos de amor na familia e fóra dela. Nestes tempos en que tantas persoas e familias o están a pasar mal, fagámolos partícipes do gran amor de Deus: Xesús, faise un de nós, para que nos convertamos en amor para os  demais, especialmente cos máis desfavorecidos.

viernes, 6 de diciembre de 2013