lunes, 13 de junio de 2016

REMATA O CAMIÑO, PERO CHEGAMOS Á META?

O próximo día 18  remataremos o percorrido do Camiño Portugués. Cantos pasiños!, que son indicativos de que con pequenas cousas se acadan grandes obxectivos. Cantas escenas da beleza da natureza galega!, que son retratos da obra da creación. Cantos momentos e espazos para a reflexión!, oportunidade para poñer a nossa vida onde se merece.

Remata o camiño, pero... aínda que chegamos á Porta do Perdón, na Catedral,
para acadar as metas dos diferentes ámbitos da vida temos que seguir loitando,
pasiño a pasiño.

Ao mellor, rematado o percorrido do Camiño Portugués, sería bo que individualmente ou como parellas, pensaramos que retos nos quedan abertos cara ao futuro inmediato.

O día 18 sairemos ás 9 dos Tilos e comezaremos a mini etapa do Milladoiro Santiago na capela da Madalena  ás 9:30 da mañá. Xuntarémonos na praza da Quintana para entrar na Catedral pola Porta Santa. Situarémonos na nave da Acibechería agás os nenos/as, que terán un lugar especial. Co noso coro parroquial, xunto con todos os presentes, animaremos a celebración eucarística mediante os nossos cantos.

Teremos a invocación ao Apóstolo Santiago e repartiremos a todos os presentes un signo de amor e compromiso no Ano Santo da Misericordia. Tras rematar a Eucaristía, faremos a foto do grupo na praza da Acibechería. Logo, cadaquén pode facer o seu programa: comer en Santiago, volver á casa, etc.

domingo, 12 de junio de 2016

TEMPOS DE AVALIACIÓN

Remata un novo curso; curso académico para os estudantes; curso de avaliación e programación para todos, tamén para os cristiáns. Este ano os membros da Igrexa tiñamos e temos unha proposta moi importante, feita polo Papa Francisco; unha proposta, feita cruz, pois abrangue a nosa relación de Deus connosco e a nosa con Deus  −é unha proposta vertical− e, ao mesmo tempo, é unha proposta horizontal, pois abrangue as relacións cos irmáns, especialmente cos máis desfavorecidos. Esta dobre proposta ten moito de cruz porque se leva ás costas pero tamén porque é liberadora. Ao longo deste curso, invitóusenos e segue invitándosenos no que queda de Ano Santo a seguir as obras de misericordia.

Ata aquí a tarefa e, a partir de aquí, a avaliación:


  • Notouse na miña vida que é Ano de Misericordia?
  • Fun ou son quen de recoñecer que necesito da misericordia do Señor?
  • Fun ou son quen de recoñecer que preciso da misericordia dos irmáns?
  • Repasando as obras de misericordia, entran todas nos meus compromisos e actitudes de seguidor de Xesús?


Deus, noso Pai, é misericordioso pero gustalle ver que “o fillo volve á casa” e que “o fillo que está na casa acolle con misericordia ao irmán”.

Ao longo do verán e ata o vinte de novembro, en que remata o Ano Santo da Misericordia, temos a oportunidade de “exercer a misericordia” e, unha vez superada a avaliación, levala integramente nas nosa vidas.

Boletín Junio 2016