sábado, 30 de abril de 2016

OBRAS DE MISERICORDIA (III)

PERDOAR AS OFENSAS

Para comentar esta obra de misericordia, encontramos no Evanxeo de S. Lucas moitos textos que nos poden axudar; non en van se identifica este evanxeo como o da Misericordia.

Fixarémonos na curación dunha muller en sábado: Lc 13,10-17.  Xesús está ensinando na sinagoga, ve a unha muller e dille: “Muller, quedas libre”. A muller non pode velo, está encurvada, pero si que pode oílo. Libre da súa enfermidade, enderéitase. A muller, ata aquel intre, non ten voz nin para laiarse nin para pedir axuda. Acepta esta situación coa marxinación social e legal que comporta. Xesús fixouse directamente nela e curouna. Ela ségueo e glorifica a Deus. Para Xesús é máis importante liberar a muller da súa enfermidade que gardar o sábado, e incluso vai máis alá porque lle recoñece todos os seus dereitos ao chamala filla de Abraham.


A actualidade do Evanxeo constata a situación de tantas mulleres que dende sempre foron marxinadas, afastadas  de postos de responsabilidade, etiquetadas e insultadas polo feito de ser mulleres.

Hoxe, Xesús, segue liberando e acollendo as mulleres e nós temos o noso papel e a nosa responsabilidade, pero debemos actuar como seguidoras e seguidores de Xesús. Recoñezamos, na nosa oración, a nosa culpa por omisión e permisividade.

Boletín abril 2016