jueves, 8 de junio de 2017

TODO É GRAZA


Hoxe, ante a óptica dun crente en Xesús, e mirando cara atrás, non cincuenta anos senón sesenta e dous, debo facer un público recoñecemento: na miña vida todo o considero graza, incluso cando, en varios momentos deste montón de anos non o sentía así.

Repito todo é graza: nacín no seo dunha familia humilde, nunha aldea (Vilacoba, no concello de Lousame); xunto cos meus pais (Heliodoro e Teresa) nacemos e medramos cinco irmáns (dos cales só tres seguimos peregrinando). A escola e a igrexa parroquial conformaron, xunto coa familia, unha trindade dun neno que, aos dez anos, é invitado a ir ao Seminario como única oportunidade de seguir estudando e como sementeiro de vocacións sacerdotais. Alí, en Belvís, lonxe de tódalas vivencias da miña nenez, encontreime cun montón de rapaces e non tan rapaces que, dirixido por un grupo de cregos (non creo que fose equipo sacerdotal), nos instaba a formarnos en catro actitudes: piedade, disciplina, urbanidade e aplicación. Endexamais escoitara semellantes termos pero, hoxe, non daquela, son consciente da súa grande importancia na formación e crecemento persoal. Así, nun clima de multitude, fómonos modelando como persoas e, incluso, na incipiente vocación sacerdotal. Pasan tres anos, e grazas a D. Lucas de Oriol e Urquijo coa mediación da familia López Calo, puiden seguir no Seminario; rematada a etapa humanística en Belvís, pasamos ao Seminario Maior para seguir coa formación filosófica e teolóxica. Non quero pormenorizar nin nos formadores nin nos profesores nin, sequera, na alimentación; aspectos que, vistos desde hoxe, son un argumento máis para afirmar que a presenza e a graza do Señor se fai viva e presente en circunstancias, persoas e situacións moi dispares.


Acabada a etapa formativa, chega, o 23 de xullo do ano 1967, a ordenación sacerdotal. Miras o presente e, sobre todo, miras o futuro dun sacerdote novo, sen ser moi consciente do que vai implicar para un, para a Igrexa e para a sociedade, o Concilio Vaticano II, recentemente concluído. Ao mesmo tempo, quizais sen darlle a importancia que logo tivo, vai pasar coa revolución estudantil do ano 1968. No nivel persoal, ambos os dous acontecementos van marcar as miñas inquedanzas de cura e crego recentemente ordenado.

Fun enviado a unha parroquia (S. Cosme de Oíns) do concello de Arzúa, onde redescubrín a bondade, a relixiosidade e a proximidade da xente desta parroquia.

Dous anos despois destináronme como coadxutor a S. Martín de Noia, outra experiencia distinta e que me esixía unha presenza máis actualizada cun novo tipo emerxente de mocidade (falo dos anos setenta). Sete anos despois, previa petición, fun enviado a Ordoeste e Barcala, engadindo logo Corneira (todas no concello da Baña). Ao mesmo tempo matriculeime na facultade de Psicoloxía co único interese de formarme, e de sentirme, con 32 anos, mozo entre mozos/as de 18 anos. Tras rematar Psicoloxía, fun enviado a Roma e, á volta, encargáronme a Pastoral Familiar na Diocese xunto coa adscrición a S. Xoán de Calo. Catro anos despois (1989) propuxéronme crear unha parroquia nova, como comunidade canónica, pois como tal comunidade cristiá xa nacera anos antes; e aquí sigo hoxe. Esta é a parroquia de S. Francisco de Asís dos Tilos, no concello de Teo.

Cincuenta anos despois, vexo todo isto como don e como graza; máis que dar recibín moitas ensinanzas que me foron forxando para ir corrixindo aspectos e integrándoos na vida persoal e sacerdotal; cincuenta anos nos que, xunto as cruces diarias sempre atopei “cireneos”, expresión da presenza do Señor Xesús na tarefa dun cristián sacerdote.

A súa compaña sempre foi para min apoio e estímulo para seguir adiante. Dende hai vinte anos que resido no complexo parroquial de S. Francisco de Asís dos Tilos, sempre tiven dous veciños, irmáns sacerdotes, Luis e José Antonio Seoane Ares, pero, en todo momento, e quero confesalo con toda humildade, teño un amigo, día e noite, ao que cando estou a punto de quedar durmido lle digo: “Xesús, amigo e veciño, quedas de garda”, ao mesmo tempo que lle pido graza e perdón. Asegúrovos que non falla.

Deixo para o final un recordo especial e entrañable para os compañeiros de promoción, sacerdotes e segrares: grazas por estar sempre aí; grazas pola vosa amizade; grazas, pois a vosa constancia fixo e fai posible que durante estes anos nos xuntásemos para rezar, para celebrar e para fortalecer a nosa amizade. Grazas, grazas, grazas.

P.D. Non sei o que o Señor nos ten gardado, pero o que me gustaría é que agora fose toda a xente da parroquia dos Tilos: unha comunidade como era a dos anos 90; comunidade viva, comunidade profética (que denunciaba os males e carencias e, que ao mesmo tempo, loitou para que aquela veciñanza fose tamén unha comunidade cristiá (chegando a constituírse en parroquia); que a nosa parroquia fose un fiel reflexo da primeira comunidade dos apóstolos: na fracción do pan, na escoita da Palabra e na oración. Neste primeiro domingo de xuño, día de Pentecoste, o Señor envíanos o seu Espírito; só fai falla a nosa vontade de facer realidade este proxecto de comunidade.