domingo, 9 de marzo de 2014

PROPOSTA CORESMAL

O Papa Francisco, con motivo da Coresma, fainos unhas propostas que debemos ter en conta cada un dos cristiáns.

Comeza recordando as palabras de S. Paulo: “Pois coñecedes a graza do noso Señor Xesucristo, o cal, sendo rico, fíxose pobre para vos enriquecer coa súa pobreza” (2Cor 8,9). Se ben estas palabras son dirixidas, polo apóstolo Paulo, ós cristiáns de Corinto para animalos a ser xenerosos e axudar ós fieis de Xerusalén que pasaban necesidade, ¿que nos din, ós cristiáns de hoxe, estas palabras?

¿Que é pois esa pobreza coa que Xesús nos libera e nos enriquece? É precisamente o seu modo de amarnos, de estar preto de nós, como o bo samaritano que se acerca a ese home que todos abandonaran medio morto a beira do camiño (cfr. Lc 10, 25ss). A pobreza de Cristo que nos enriquece consiste no feito de que se fixo carne, cargou coas nosas debilidades e os nosos pecados, comunicándonos a misericordia infinita de Deus. A pobreza de Cristo é a maior riqueza: a riqueza de Xesús é a súa confianza ilimitada en Deus Pai, é encomendarse a El en todo momento, buscando sempre e soamente a súa vontade e a súa gloria.

Cando Xesús nos invita a cargar o seu “xugo levadeiro”, invítanos a enriquecernos con esta ”rica pobreza” e “pobre riqueza” súas, a compartir con El o seu espírito filial e fraterno, a converternos en fillos no Fillo, irmáns no Irmán Primoxénito (cfr. Rom 8, 29).

Díxose  que a única verdadeira tristeza é non ser santos; poderiamos dicir tamén que hai unha única verdadeira miseria: non vivir como fillos de Deus e irmáns de Cristo.

Á imitación do noso Mestre, os cristiáns estamos chamados a mirar as miserias dos irmáns, a tocalas, a facernos cargo delas e a realizar obras concretas coa fin de alivialas. A miseria non coincide coa pobreza; a miseria é a pobreza sen confianza, sen solidariedade, sen esperanza.  Podemos distinguir tres tipos de miseria: a miseria material, a miseria moral e a miseria espiritual. A miseria material é que habitualmente chamamos pobreza e toca a cantos viven nunha condición que non é digna da persoa humana: privados dos seus dereitos fundamentais  e dos bens de primeira necesidade como a comida, a auga, as condicións hixiénicas, o traballo, a posibilidade de desenvolvemento e de crecemento cultural.


Nota: Aínda que seguiremos no próximo boletín coa esta carta do Papa Francisco, aproveitemos o tempo coresmal para enriquecernos coa pobreza de Cristo. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!