miércoles, 1 de enero de 2014

REMATAMOS O CAMIÑO NA CATEDRAL

 Como diciamos no boletín anterior, o día 14 de decembro, coa misa de 12, tiñamos previsto rematar o camiño diante da tumba do Apóstolo. Así foi. Presidiu o Deán da Catedral, D. Segundo Pérez e concelebraron: D. Xosé Antonio, veciño da nosa parroquia, e vicario territorial da diocese na vicaría de Santiago, o pai franciscano Honrubia da fraternidade de Santiago, o coengo da Catedral, D. Ramiro Calvo, e mais o noso párroco, D. Benjamín.


Era emocionante ver, rodeando o altar maior da Catedral, o grupo de fregueses peregrinos, flanqueados polo coro parroquial e outros fregueses á dereita do  altar. O órgano catedralicio soaba baixo os acordes doutro fregués, Adrián, organista da catedral. As monicións, invocación ó Apóstolo (que podedes ver neste boletín) e lecturas da Palabra de Deus léronas adultos e nenos da nosa parroquia. D. Segundo, na resposta homilética, loou á nosa parroquia e animounos, repetidas veces, a ser unha comunidade parroquial viva. Animou ó coro parroquial a participar, como tal, noutras celebracións catedralicias. O mesmo P. Honrubia, franciscano, manifestou a súa ledicia, no nome da fraternidade franciscana, por estar participando nesta eucaristía.

 Foi un encontro eucarístico verdadeiramente vivo e emocionante no que, fregueses presentes ou ausentes, estiveron permanentemente vivos na pregaria eucarística.

O Apóstolo Santiago e S. Francisco de Asís foron, xunto con María, os coprotagonistas, neste punto e seguido, deste acto preparatorio das vodas de prata parroquiais.

A todos: Paz e Ben.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!