viernes, 15 de noviembre de 2013

SEGUIMOS PEREGRINANDO

É certo que os que estamos facendo o camiño francés a Santiago, comezado o día 21 de Setembro,
facémolo en nome propio pero tamén o facemos como parte da comunidade parroquial de S. Francisco de Asís dos Tilos. É de todos coñecido de que esta peregrinaxe, forma parte dunha especie de preparación das vodas de prata parroquiais no ano 2015.

No mes de Outubro fixemos dúas etapas; unha desde Triacastela a Sarria, e outra de Sarria a Portomarín. A experiencia está sento moi positiva a pesar dalgunhas dificultades climatolóxicas e dalgún momento de cansazo nese longo camiño.

Sempre comezamos cunha oración. En Triacastela na igrexa parroquial e en Sarria acolléronos os P. Mercedarios.  Ó rematar a terceira etapa atopámonos, en Portomarín, coa igrexa pechada, pero esperamos que, o día 9 de Novembro, poidamos comezar a cuarta etapa na histórica e bela igrexa parroquial deste fermoso pobo, que fora trasladada pedra a pedra da ubicación orixinal á beira do río cando se construíu o encoro de Belesar en 1962.


Dende esta tribuna do Boletín parroquial quero facer dúas invitacións: unha dirixida a cantos, superando non poucas ocupacións, facemos este camiño e a outra a tódolos membros da parroquia. Ós que peregrinamos, que o sigamos  facendo conscientes de que somos seguidores, 800 anos despois, dun ilustre peregrino, Francisco de Asís. El foi mensaxeiro da paz, respectuoso coa natureza na que vía en todo  a presenza da obra de Deus. Ós que quedades nos vosos fogares, seguindo coa actividade diaria, que tamén vos manteñades facendo realidade  a mensaxe do himno de San Francisco.

Onde queira que esteamos, sigamos sendo testemuñas do Señor seguindo  ás pegadas de S. Francisco de Asís.

Remato co saúdo franciscano: “Paz e Ben”.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!