sábado, 12 de enero de 2013

PREGUNTAS CON OU SEN RESPOSTA




Cando nos atopamos en situacións difíciles, facémonos preguntas, unhas veces con acritude, outras buscando quen nos responda ou buscando culpables; preguntas que, en moitos casos, non teñen resposta.

O ser humano é normal que se interrogue, que busque, que teña gañas de saber máis. Pobres de nós se non sucedera así! Pero cando esta ansia de saber se fundamenta en acontecementos que afectan a moitas per-soas, que afectan aos nosos dereitos, que minan a convivencia, que nos levan, en resumo, a concluír: Que lle está pasando á nosa sociedade?, non podemos quedarnos nas simples preguntas das que non esperamos resposta senón que debemos buscar e esixir respostas.

Todos aqueles feitos que minan a xustiza, que rompen a convivencia, que impiden a paz, que nos fan vivir máis angustiados, que obrigan a moitas persoas a tomar decisións terribles, débense á falta de valores fundamentais na sociedade e, por ende, nas persoas públicas e privadas. Tal situación debemos analizala dende unha profunda reflexión.


Este ano 2013, dende o 11 de Outubro pasado ata o 24 de Novembro, foi declarado polo papa Bieito XVI, ANO DA FE. Para os cristiáns é unha oportunidade de renovar a nosa confianza en Deus, que nos brinda respostas ás nosas preguntas. Na súa Palabra atopamos non só resposta senón paz, camiño e luz para superar as dificultades. Canto máis medra a desconfianza nas persoas, máis debemos preguntarnos: ¿Onde poñemos a Deus?

¿Será que a increnza, a idolatría e a corrupción nos cegan tanto que nos impiden recoñecer que detrás das nubes está alumando o SOL?

A miña proposta, unha vez máis, é unha invitación a camiñar, a tender pontes, a recuperar aos caídos, a axudar aos desfavorecidos, a deixarnos querer, a dar un paso adiante na busca da reconciliación interpersoal sexa na familia, na parroquia ou en calquera ámbito onde nos atopemos.

Quizais teñamos que recoñecer que buscamos ao Señor en lugares onde hai moita luz, moito benestar ou moito ruído; e o Señor está no Portal de Belén ou fuxindo a Exipto porque “Herodes” busca o neno para matalo. É aí onde está el agardando por ti e por min.



No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!