martes, 18 de diciembre de 2012

NADAL, CRISE E CARIDADE


A de Nadal é unha festa cristiá, unha situación moi actual e unha actitude aberta a todas as persoas de boa vontade.

Cando comeza o mes de Decembro, a nosa sociedade consumista adianta o Nadal sen pasar polo tempo de Advento –catro semanas que preparan non tanto os escaparates, as árbores de Nadal ou mesmo os desexos luminosos dunhas felices festas, canto a presenza de Deus feito home que nos trae unha mensaxe nova– . No tempo de Advento, invítasenos aos cristiáns e ás persoas de boa vontade a mirar, dende dentro, as diferentes crises laborais, económicas, de valores,... para preparar os nosos corazóns e as nosas mentes ante a presenza inminente de Xesús, fillo de Deus, que nos invitará a converter o noso corazón nun corazón sensible ás necesidades de todo tipo que provocan as crises anteditas.

¡Que mellor Advento que ir sensibilizándonos fronte a tantas angurias, egoísmos, durezas de corazón! e converter o noso corazón nun belén, probablemente sen animais de ningún tipo nin personaxes extravagantes, pero cheo de amor, tenrura, perdón e paz! Cantos “beléns de carne” se fan máis vivos e xenerosos neste tempo de Nadal!

Tintoretto. Adoración de los pastores

A nosa parroquia, grazas á xenerosidade de todos, está facendo posible que todo o ano sexa un Nadal permanente. A cesta, posta aos pés da mesa do altar é só un signo desta presenza viva do Señor en tantas axudas de todo tipo que fan posible que, para varias familias, a crise sexa máis liviá. Grazas a todos. Sigamos así. Pensemos nos demais. Seremos máis felices canto máis felices fagamos aos demais. Vexamos a Xesús en calquera dos irmáns. Medremos en AMOR.


Benjamín

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!