jueves, 4 de octubre de 2012

UN PASEO POR LA BIBLIA (parte 4)


16 - XEREMÍAS (I)
A xuventude de Xeremías coincide co reinado de Xosías (641 - 609), o que levou a cabo a reforma deuteronomista, suprimiu os santuarios locais e centrou o culto en Xerusalén. Na época dos seus sucesores estendeuse o culto ós deuses estranxeiros, o que é denunciado por Xeremías que fai chamadas á conversión.

No ano 605 Nabucodonosor vence ós exipcios e Babilonia convértese na potencia dominante, que conquista Xudea no 598, ano no que se produce unha primeira deportación de xudeus a Babilonia. No ano 586 desaparece o reino de Xudá. Xerusalén é destruída, o Templo saqueado e comeza o DESTERRO en Babilonia. Algúns resistentes foxen a Exipto e levan con eles a Xeremías do que non se volve saber máis nada.


17- XEREMÍAS (II)
Dada a grande extensión e enorme riqueza do libro de Xeremías,consideraremos só algúns aspectos. Lede o cap. 7. Xeremías acusa ó seu pobo de abandonar a Deus, de confiar no Templo e na Lei, é dicir, de practicar unha relixión puramente externa. O pobo cre que o Templo garante a presencia de Deus e séntese seguro. Pensa que está protexido pola Alianza e polo Templo, con independencia da súa conducta. Xeremías di que o culto non é nada se non vai acompañado dunha actitude interna. A relixión debe ser interior, persoal (31, 29-30) en contra da teoría da retribución colectiva.

18 - EZEQUIEL (I)
Na vida de Xeremías falaramos dunha primeira deportación de xudeus a Babilonia no ano 597 a.C. Os deportados eran o rei, os notables, os traballadores especializados, os sacerdotes, entre eles o profeta Ezequiel.

Estructura do libro de Ezequiel:

  • Vocación e misión (1-3)
  • Oráculos de condenación contra Xerusalén (4 -24)
  • Oráculos contra as nacións (25 - 32)
  • Mensaxe de esperanza (33 - 39)
  • Visión sobre o Templo e a Terra (40 -48)


Os primeiros deportados confían nunha pronta volta a Xudá. O último que esperan é a destrucción de Xerusalén e o aumento do número dos desterrados. Xa Xeremías nunha carta ós exiliados (Xr 29, 5 -7) fai o posible por disipar esta ilusión. Pero o pobo alentado por falsos profetas négase a admitilo. Ezequiel por medio de accións simbólicas (unha das características deste profeta ) anuncia a destrucción de Xerusalén (cap.4 -5). Ten unha visión na que a gloria do Señor abandona Xerusalén (10, 15 - 19 e 11, 22ss).

Moi importante é o cap.18 no que se establece a retribución individual.

19 - EZEQUIEL (II)
Seguindo coa estructura do libro diremos que, despois da caída de Xerusalén, a predicación de Ezequiel tenta explica-las causas do desastre e ofrece signos de esperanza (caps. 36 e 37). Os caps. 38 e 39 preludian a literatura apocalíptica.

A deportación a Babilonia marca un antes e un despois para Israel:

  • Prodúcese unha creba teolóxica. ¿Serán máis fortes os deuses babilónicos que o Deus de Israel?
  • Pérdense os fundamentos da vida relixiosa de Israel: A Terra Prometida ós patriarcas e que lles pertencía desde o Éxodo. O Rei, pois Deus prometera a David que mantería para sempre a súa linaxe no trono (2 Sm 7, 12 - 13). O Templo, lugar da presencia divina, onde se custodiaba a Arca da Alianza, centro da vida relixiosa. Pero agora non hai nin terra, nin rei, ni templo.


Se Israel non mantivo o seu compromiso na Alianza, ¿por qué Yahveh habería de mante-lo seu?

Nesta situación cabería espera-la desaparición da relixión e do mesmo pobo e a súa absorción polo Imperio Babilónico, como sucedeu con outros pobos; non foi así pola acción de Xeremías, de Ezequiel ou do Segundo Isaías. Ben é certo que a cultura superior dos babilonios tivo efectos importantes: a adopción do arameo, relegando o hebreo só ó culto.
Pero a fe mantívose, a relixión foi máis persoal e universalista.

20 - A TRADICIÓN SACERDOTAL (P)
En Babilonia os sacerdotes reflexionan sobre a historia de Israel. Cren que o desterro así como a cautividade en Exipto xa foran anunciados por Deus. Se o pobo se converte haberá un novo Éxodo, unha nova entrada na Terra Prometida. Desta reflexión xorde a HISTORIA DEUTERONÓMICA. Hai unha lectura de toda a historia dende a creación. A historia dá fundamento ós ritos e ás festas. É agora cando o Pentateuco adquire a súa forma definitiva, empezando e acabando con relatos de tradición sacerdotal: o primeiro relato da creación (Xen 1) e amorte de Moisés (Deut 34).

Con todo, produciuse un acontecemento irreversible: a destrucción do Templo. Foi en Babilonia onde comezou o culto sinagogal non centrado no sacrificio, senón na oración e na meditación das palabras de Deus.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!