jueves, 27 de septiembre de 2012

UN PASEO POLA BIBLIA (parte 3)


10 - OS LIBROS PROFÉTICOS
Os libros proféticos constitúen o último bloque do Antigo Testamento. Abranguen unha época que vai desde o século VIII (Am) ata ó IV(Zac 9- 14), pero xa antes houbera profetas como Moisés, Natán, Elías, Eliseo…

Non confundamos profeta con adiviño. O profeta é intérprete da palabra divina, é un home inspirado por Deus, que dirixe a súa mensaxe ó pobo e intervén en períodos de crise da histoira nacional.

Formación dos libros proféticos: A mensaxe profética é falada. Ás veces os profetas escribían as súas profecías ou experiencias pero o máis habitual era que fosen recollidas polos seus seguidores. Estes escritos foron obxeto de edicións sucesivas, sobre todo a partir do Desterro, as edicións dos profetas foron revisadas e ampliadas.


11 - AMÓS
O profeta Amós era un pastor de Tecua, no reino do Sur, aínda que desenvolve a súa actividade no reino do Norte, no tempo de Xeroboán II. Eran tempos de paz e enorme prosperidade económica. Lede Am 5, 4-6, 11. Amós denuncia a inxustiza: o luxo dos poderosos conseguido coa opresión dos pobres, os ricos falsean as medidas, vende ós pobres como escravos, subornan ós xuíces.

Denuncia tamén o culto meramente exterior e a falsa seguridade relixiosa. Os israelitas séntense privilexiados e seguros por ser o pobo escollido por Deus. Coidan que nada lles pode pasar e agardan "o día de Yahveh" como día de triunfo para Israel e ruína para os outros pobos. Pero non vai ser así, será un día de ruína e escuridade. Precisamente o feito de se-lo pobo escollido comporta unha maior responsabilidade. A pesar de anuncia-la destrucción de Israel, en Amós aparece por primeira vez a idea do "resto salvado" (5, 15 e 9,8), que veremos noutra ocasión.

12- OSEAS
Oseas é contemporáneo de Amós. Lede Os 1-3. Oseas casa cunha muller que é infiel; con todo, el continúa a querela. Á semellanza de súa vida, Oseas ve en Israel a esposa adúltera de Yahveh. Os seus amantes son os outros deuses. Deus ama a Israel a pesar de todo. O castigo é só un medio para que volva a El. En 2,16-18 anúnciase a reconciliación. Aquí aparece a vida no deserto durante o Éxodo coma un ideal perdido.

A imaxe matrimonial das relacións entre Yahveh e o seu pobo tivo moitísima influencia noutros profetas.

13- ISAÍAS
O libro de Isaías foi escrito por varios autores, ó longo dos séculos. A primeira parte - cap2-39- da segunda metade do século VIII, é propiamente a do profeta Isaías. Os cap. 40-55 son posteriores en século e medio á morte do profeta Isaías. Reciben o nome de "Libro da Consolación". Son obra dun profetado exilio, de nome descoñecido chamado "deutero-Isaías" ou segundo Isaías.


14- ISAÍAS (cont)
Como escritor, Isaías é considerado o gran poeta clásico de Israel. É tamén un profeta citadísimo no Novo Testamento. P. ex.: lede Is.5,1-7, a "Canción da viña". Na marxe de Biblia (ou ó comezo do capítulo, depende das edicións) hai moitísimas referencias a outros libros da Biblia. Collamos a de Mt 21, 33-44, a parábola dos viñadores homicidas. No Evanxeo, os oíntes de Xesús séntense aludidos porque coñecen perfectamente o texto de Isaías no que se identifica a Israel cunha viña.

Is 1-13 contén fundamentalmente a súa predicación durante o próspero reinado de Yotán (753-734) e o período da guerra siro-efraimita (Siria e Israel contra Xudá). Ademais da "Canción da viña" atopamos:

  • a denuncia do culto (1, 10-20)
  • o relato da vocación (6, 1-13)
  • a profecía do Emmanuel (7, 17)
  • e outros oráculos mesiánicos (11, 1-9)


15- ISAÍAS (cont)
No ano 721 o Reino de Israel deixa de existir, destruído por Asiria. Deste tempo datan os oráculos contra as nacións (cap.13 a 23) , aínda que moitos fragmentos son posteriores a Isaías, en particular os oráculos contra Babilonia dos capítulos 13 e 14.

O rei Ezequías (716 - 689 a.C.) intenta rebelarse contra Asiria. Isaías oponse a pedir axuda a Exipto (cap.30-31) porque equivale a desconfiar de Deus. No ano 701 Senaquerib de Asiria invade Xudá e chega ás portas de Xerusalén (c. 36). Isaías anuncia a salvación da cidade, pero, cando os asirios se retiran, o pobo non dá gracias a Deus e enton é cando el mesmo pronuncia oráculo contra Xerusalén (cap. 22)

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!