martes, 22 de mayo de 2012

A PARROQUIA SOMOS TODOS


A mellor maneira de definir a parroquia é que é unha comunidade cristiá, ou sexa, o conxunto de persoas que viven a fe en Deus e en Xesucristo formando parte da Igrexa, nun determinado territorio.


O lugar principal é a igrexa (o templo), onde os cristiáns se reúnen para celebrar a fe; o lugar de oración, sobre todo comunitaria aínda que tamén persoal, o lugar onde se celebra a Eucaristía e os demais sacramentos... Pero na parroquia desenvólvense moitas actividades, e por iso ten outros espazos como salas para catequese, para reunións, para acoller a persoas... E tamén, frecuentemente, hai unha vivenda na que reside o sacerdote ou sacerdotes que atenden a parroquia.

A parroquia non é unha comunidade illada senón que esta en comuñón coas parroquias veciñas (arciprestado), e forma parte dunha diocese, que é a estrutura básica da Igrexa. O bispo, sucesor dos Apóstolos de Xesús, asegura a comuñón con toda a Igrexa universal presidida polo Papa de Roma.

A comunidade parroquial está formada polas persoas que a integran, e todas son importantes, porque todas son fillas de Deus polo bautismo e pola fe. O responsable é o párroco, que coordina todas as actividades que nela se desenvolven, cumprindo o encargo que ten recibido do bispo de servir a aquela comunidade por un tempo. Ademais, polo feito de ter recibido o sacramento da Orde sacerdotal, preside as celebracións eucarísticas e dos sacramentos, e coida o acompañamento espiritual das persoas.

A vida dunha comunidade cristiá desenvólvese en tres ámbitos:
  • Celebración da fe.
  • Formación cristiá.
  • Servizo aos demais, especialmente aos pobres.

A celebración da misa, especialmente os domingos, e a administración dos sacramentos; a catequese e os encontros de formación; e o servizo de caridade a través de Cáritas, son as actividades máis importantes, e nelas colaboran todos os fregueses.

Por tanto, unha parroquia é unha comunidade de persoas que viven e comparten a súa fe cristiá.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!