sábado, 21 de abril de 2012

CATEQUESE DE CONFIRMACIÓN


Catequese da xornada: 15 abril 2012


“Non teñades medo, ben sei que buscades a Xesús o crucificado. Non está aquí, resucitou tal como dixera. Vinde ver o sitio onde estaba”. Mt 28, 5-6

PASCUA DE RESURRECCIÓN


Pascua como liberación
Unha festa xudea, especialmente celebrada por todo o pobo de Israel.

A data de celebración foi sinalada por Deus cando o pobo estaba desterrado en Exipto: “O día dez deste mes… (NISAN)”. Todas as familias mataban e cociñaban un año para comer xuntos…”. Co sangue do año marcaron as portas para que ao paso do Señor, os que tiveran as portas marcadas, non sufriran o castigo de Deus. Sería o paso definitivo para a liberación.

“Este día quedaravos na memoria e faredes nel festa ao Señor. Será festa de precepto por tódalas xeracións” (Ex 12,14).

Por iso Xesús tamén celebrou esta festa cos seus discípulos, coma se foran unha familia, que resultou ser a noite anterior á súa Paixón e Morte na Cruz.

“E collendo pan, deu grazas, partiuno e déullelo, dicindo: Este é o meo corpo, que se entrega por vós; facede isto en memoria de min. E despois de cear, fixo o mesmo coa copa dicindo: Esta copa é a Nova Alianza, selada co meu sangue, que se verte por vós” (Lc 22,19-20).

Repítense os xestos: Deus libera ao pobo da escravitude de Exipto e Xesús libéranos da escravitude do pecado, nun caso polo sangue do año e noutro polo sangue de Xesús (o novo “Año de Deus”).

O primeiro día da semana
Xesús resucitou de entre os mortos “o primeiro día da semana” (Mc 16,2). En canto é o primero día, o día da Resurrección de Cristo recorda a primeira creación. En canto é  o oitavo día, que segue ao sábado, significa a nova creación inaugurada coa resurrección de Cristo. Para os cristiáns veu a ser o primeiro de tódolos días, a primeira de tódalas festas, o día do Señor, o “domingo”. (Catecismo da Igrexa)

Na catequese reflexionamos sobre cómo era ese día para nós, para a sociedade de hoxe, para os crentes… O resultado foi moi variado, pero sobre todo de descanso ou de non traballar, o cal deixa moitas interrogantes.

Non quedaba claro que para os mesmos crentes (católicos) fose o “Día do Señor” ou, polo menos, non para todos ou de maneira importante.

O domingo na comunidade cristiá
Tratamos de ver cómo era o noso domingo, pero resultaba que, no mellor dos casos, só ocupabamos 2 ou 3 horas para dedicarlle a Deus.

Vimos tamén outras alternativas para convertelo no “Día do Señor”: ter un tempo para a lectura da Biblia, ademais das lecturas da Misa; ter un tempo persoal de oración ou de lectura en valores, especialmente cristiáns; visitar enfermos ou axudar a persoas necesitadas; compartir en familia ou cos amigos máis sós ou en dificultades; etc.

Pero, sobre todo entendiamos que a celebración da Misa ou a participación en grupos cristiáns de reflexión poderían ser algunhas das mellores opcións.

“A celebración dominical do día e da Eucaristía do Señor ten un papel principalísimo na vida da Igrexa. “O domingo, no que se celebra o misterio pascual, por tradición apostólica, ha de observarse en toda a Igrexa como festa primordial de precepto” (Catecismo da Igrexa Católica, 2.177).

Compromiso: Coñecer e valorar correctamente a Misa e o seu rito litúrxico.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!