lunes, 12 de marzo de 2012

A PALABRA DE DEUS


O coñecemento da Biblia é imprescindible se queremos coñecer a Deus, por iso a Igrexa diocesana propón para este curso afondar no seu coñecemento e tela en conta á hora de actuar.

Deste xeito a Palabra de Deus convértese en luz e guía; elimina as tebras e as dúbidas ao mesmo tempo que nos leva da man mantendo viva a nosa esperanza.

O eslógan lémbranos as palabras de Pedro: “Señor, ti tes palabras de vida eterna”. A palabra de Deus é vida, é actual.

O mellor compromiso que poderiamos facer podería ser ter unha Biblia na casa, tela en lugar visible, como facemos no templo parroquial e, por suposto, lela.

A Biblia componse de 73 libros ou, para entendernos, composicións literarias de varios autores do pobo de Israel ou de persoas que tiveron en contacto directo con Xesús ou cos seus apóstolos, uns máis extensos e outros máis breves; por ex.: a segunda carta de S. Xoán, na Biblia galega, só ten 39 liñas, e está considerada como un libro.

Divídese en dúas grandes partes: Antigo e Novo Testamento, segundo sexan anteriores ou posteriores a Xesús. O Antigo foi escrito en lingua hebrea, excepto algúns capítulos de Esdras e Daniel, que o foron en arameo. O Novo foi escrito en grego, excepto Mateo que o foi en arameo.O canon  (catálogo) católico de libros inspirados estableceuse no Sínodo Romano do ano 382 e confirmouse definitivamente no Concilio de Trento (século XVI), os mesmos que xa admitira o Concilio de Florencia no s. XV.

A Biblia conta a salvación de Deus na historia de Israel e o testemuño apostólico que recolleron os primeiros cristiáns.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!