lunes, 6 de febrero de 2012

FEBREIRO, CHAMADA Á REFLEXIÓN E AO COMPROMISO

O mes de Febreiro é sempre un mes moi especial polas celebracións litúrxicas e eclesiais que nel se dan. Comezamos o mes coa celebración da Presentación do neno Xesús no Templo e a Purificación de María, hoxe chamada festa da Candelaria; é como a presentación en público, ó pobo de Israel, do Mesías. É unha invitación a descubrir nel o exemplo a seguir. Nesta celebración acendemos unha candea como símbolo do que temos que ser: lámpadas que aluman o camiño, con Xesús, a toda a humanidade.
 
Sempre, a mediados do mes, MANS UNIDAS invítanos a converter esta candea en compromiso cos máis empobrecidos. Nestes tempos en que a pobreza está tan visible e tan preto de nós, esta institución da Igrexa vennos a recordar que non nos esquezamos dos pobres do terceiro e cuarto mundo, baixo un lema tan suxerinte, e tan fundamental: “A SAÚDE, DEREITO DE TODOS: ACTÚA!“.

En terceiro lugar, e por se nos esquecemos destes dous compromisos, aparece, case sempre ao final de Febreiro, o tempo de Coresma, estes corenta días de chamada profunda á conversión a través do triplo camiño do xaxún, da oración e da esmola. O xaxún como expresión da renuncia e do sacrificio; a oración como chamada a encontrarnos con nós mesmos e con Deus, e a esmola como signo do desprendemento e da xenerosidade. 

En resumo, no mes de Febreiro miramos a Xesús, miramos aos irmáns, especialmente aos máis necesitados e mirámonos a nós mesmos en relación con Deus e cos irmáns: “Amarás a Deus e ó próximo como a ti mesmo”.

Febreiro é pois un mes cunha proposta moi boa de programa de vida.

Benjamín

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!