lunes, 27 de febrero de 2012

CATEQUESE DE CONFIRMACIÓN

CATEQUESE DA XORNADA 26 DE FEBREIRO DE 2012

“Cando prenderon a Xoán, marchou Xesús a Galilea a anunciar a Boa Nova e Deus, dicindo: O tempo está cumprido, e chega o Reino de Deus; convertédevos, e crede na Boa Nova”. Mc 1, 14-15

A CORESMA

40 días de preparación
  • O acontecemento ten que ser importante cando require tanto tempo de preparación. O simbolismo dos 40 días, que se repite frecuentemente na Biblia, significa algo así como un paso da escravitude á liberación; de estar sen rumbo a collelo; de caer na conta de cómo somos para buscar cómo debemos ser; de sombras de morte á luz; da indiferenza á conversión; … 
  • Un tempo de preparación pola lectura da Palabra, pola oración, polo sacrificio ou pola esmola. Pero tamén pode ser a través de pequenos xestos que nos leven a actitudes novas e máis positivas, pasando de ver a botella medio baleira a vela medio chea, con posibilidades de tela chea “onde abundou o pecado, sobreabundará a graza” (Rom 5,20). 
  • A penitencia que nos suxire a Igrexa non é só coma unha chamada de atención para que vivamos en austeridade e autodisciplina, senón coma unha experiencia que dá fortaleza á nosa vontade para que sexamos áxiles e fortes á hora de rexeitar as tentacións que nos sobreveñan; ao mesmo tempo, que nos motive para axudar aos que sofren. Tamén nos serve para satisfacer polos nosos pecados e expialos.
                 
Os sacramentos como fonte de vida
Polo Bautismo conseguimos a plenitude do Espírito que nos fai santos, fillos de Deus e membros da súa “familia”. A graza que nel se nos dá gratuitamente, chega de Deus que nos ama.
Cando rompemos coa amizade de Deus, sempre temos unha nova oportunidade de recuperala, Deus Pai espera para abrazarnos de novo (Lc 15,21). Polo sacramento da Penitencia (Confesión) recuperamos de novo a abundancia da súa graza. Os demais sacramentos tamén aumentan esa graza, especialmente a Eucaristía que celebramos e recibimos cada domingo, porque nos identifica con Xesús e co seu sacrificio, que remata en Resurrección.
Este mes imos ter unha celebración extraordinaria e comunitaria do perdón. Imos encontrarnos coa misericordia e o perdón do Señor, que á súa vez nos conduce ao encontro cos demais, especialmente cos máis débiles.

Tempo de conversión
A Coresma é un tempo especial para o cambio e a conversión. Non se trata de entrar dentro de nós para lamentarse do que non foi ben, senón para buscar de novo o camiño e vivir segundo o Evanxeo.
Caer na conta de que somos pecadores debe levarnos a un cambio, á conversión; ademais de sentir pesar por ofender a Deus e aos irmáns, tamén nos move a un propósito firme de fidelidade ao Evanxeo.
É un tempo de reencontro e de perdón.
Cada día de Coresma debe ser de sacrificio e austeridade, como nos recomenda a campaña de Cáritas: “Vive sinxelamente para que outros, sinxelamente, poidan vivir”.

Días moi especiais
A doutrina da Igrexa invítanos a celebrar cunha especial austeridade o Mércores de Cinza (o pasado día 22) e o Venres Santo (6 de abril), e xunto a estes dous días todos os venres de Coresma en lembranza da paixón e morte de Xesús.
Ademais do xaxún e a abstinencia (4º mandamento da Igrexa), cada un deberá realizar algo especial ou privarse de algo que signifique sacrificio ou renuncia voluntaria.
Este é o compromiso especial para toda esta semana con especial atención ao próximo venres. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario

O noso blog necesita dos teus comentarios!