No mes de xuño temos moitas celebracións moi solemnes, aínda dentro do tempo pascual.

Con todo, queremos subliñar aqueles aspectos máis significativos das celebracións litúrxicas desas datas.
A festa de Pentecoste lémbranos a presenza real do Espírito Santo en nós, por canto a súa presenza fortalece a nosa fe e mantén viva a unión e fraternidade entre todos. O Espírito de Deus mantense en nós desde o bautismo, pero especialmente desde que recibimos o sacramento da confirmación, por iso e moi oportuno recordar nesta ocasión a importancia deste sacramento que, desde antigo na Igrexa, mediante a “imposición de mans” á que máis tarde se engadiu unha unción con óleo perfumado (crisma), nos concede unha forza especial do Espírito Santo para difundir e defender a fe mediante a palabra e as obras, como verdadeiras testemuñas de Cristo, para confesar valentemente o seu nome e para non sentir nunca vergoña da cruz.
É por tanto un sacramento moi importante para que o promovamos entre os nosos mozos e mozas dentro das familias. Ademais completa o conxunto dos sacramentos de iniciación cristiá.
Tamén a celebración da festa da Santísima Trindade e a do Corpo e Sangue de Cristo teñen un significado especial, porque nelas celebramos os grandes misterios da nosa fe: Deus que permanece ao noso carón de xeito providente, coidándonos e amándonos, e Xesús que se converteu en alimento para o camiño é signo evidente de amor fraterno, de servizo e de compartir, incluso o pan de cada día.
No hay comentarios:
Publicar un comentario
O noso blog necesita dos teus comentarios!